top of page

 

 

    Son un  champán barato

 

 

No relativo á musica, os meus pais eran como o viño e a gasosa. E agora veredes por qué vos digo esto.

 

O meu pai, supoño que por ter vivido en Alemaña até os vinte anos, escoitaba música de fala inglesa. Ten vinilos de Earth Wind & Fire, Olivia Newton John ou Abba que garda baixo chave co máximo coidado, e só desempoa algún domingo para relaxarse soñando cos vellos tempos, supoño. Iso si, sempre en soidade. Non lle gusta falar, pero menos sobre os seus gustos.

 

 

 

 

O caso é que os domingos o salón era para el e para os 70’s. Tíñao ateigado de cables que daban a todo tipo de altofalantes para unha sesión de música envolvente. Moi gratificante para el, pero á miña nai non lle gustaba tanto, considerándoos antiestéticos e moi incómodos para pasar a aspiradora.

 

Volvendo á música e con respecto á española, só escoitaba Manolo Escobar, pero penso que lle gustaba e aínda hoxe lle gusta máis que calquera dos outros. Máis adiante, cara 2002, comezou a escoitar a Melody. Pero a música, igual que os países de onde proviña, tiña localizacións diferentes. Se a inglesa tiña lugar no salón, a do país era no coche, un Ford Fiesta do ano 77 dun gris brillante e desgastado por o tempo. En moi bo estado, por certo.

Esas cancións si as escoitabamos en amor e compañía no camiño ó pobo as fins de semana. A miña nai estaba contenta. As cancións de Manolo Escobar eran as que tocaban as orquestras, o que lle facía recordar un ambiente de festa colectivo.

 

Pero ela era máis de Ana Kiro e cancións tradicionais do tipo de “O catapiro” ou “El piano está enfadado y no me habla”. Cando eu era nena gustábanme moito. Eran fáciles de aprender e bastante marchosas. Así que alá ía eu máis feliz ca unha perdiz  cantando cousas como "a banana non ten carozo non ten non ten. Tamén a carne sen óso non ten carozo e mais sabe ben".

A miña nai non se encerraba no salón. Ela era máis de cantar na cociña a grito pelado. Teño que dicir que me alegraba o día.

 

Niso nunca cadraron moito, o meu pai era máis complexo e de “gusto refinado”, tendo en conta a época e os recursos. Misturaba linguas, países e estilos, como quen mistura as cores marrón e púrpura e dá coa cor do viño. E a miña nai era tradicional, o de toda a vida, máis transparente e máis alegre. Como a gasosa.

 

E desa mistura saín eu, unha nena que con dez anos se apropiou da disqueteira da furgoneta de traballo de seu pai e que manexaba cun mando a distancia chamado por ela mesma “o huevón”, pola súa forma redondeada. Tal huevón avariouse e a nena utilizaba outro máis alargado, bautizado como “a salchicha”. Si, eu tamén penso que era influencia de Ana Kiro.

Como na casa tiña o funk e o pop estranxeiro dos 70, a copla máis española e a música tradicional galega, decanteime por a música disco, os remix e a electrónica dos noventa.

 

Para gustos hai cores, e eu son un champán máis ben barato.

 

 

 

  • Abril 2016 - Maio 2016 Axudante de Comunicación e Marketing 

      Belfast Film Festival (Belfast, Irlanda do Norte)

​

Fun colaboradora no departamento de Comunicación e Marketing do Festival de cine internacional de Belfast durante un mes. Nas semanas previas ao festival axudei coa loxística e os preparativos. A semana que durou o festival cubría os diferentes eventos (proxeccións de filmes, coloquios cos directores e os actores, eventos especiais...) con material gráfico: fotografías e videos que logo editaba e subía á web do festival cun pequeno texto descriptivo.

​

  • Marzo 2016: Operadora de cámara no Making of  das 'Xornada das Artes Conxugadas'

      Acción Cultural OlaLab (Santiago de Compostela)

​

Colaborei como operadora de cámara na 'Xornada das Artes Conxugadas', dedicada ao Día da muller traballadora, organizada pola asociación OlaLab. Encargada de gravar video dos diferentes actos programados durante ese día.

​

  • Novembro 2014 - Novembro 2015 Redactora de programas en prácticas

      Televisión de Galicia (Santiago de Compostela)

​

Periodo de prácticas a través da beca FEUGA dun ano como redactora de programas na TVG. As miñas labores durante foron moi diversas pero sempre centradas na redacción e edición de contidos: guionización e locución de cuñas radiofónicas, pezas promocionais da programación da canle para continuidade (a modo de cortiniñas) e para informativos e magazines culturais de información, reportaxes con presencia en cámara, guionización de programas especiais.

​

  • Abril 2014 - Setembro 2014 Produtora de programas en prácticas

      Radio Galega (Santiago de Compostela)

​

Prácticas na Radio Galega no departamento de Produción de programas. Colaborei en dous magazines culturais de actualidade. As miñas tarefas eran buscar contidos, arranxar entrevistas, xestionar os medios e controlar os tempos no directo.

​

Graduada en Comunicación Audiovisual

Traballei ano e medio en radio e televisión desempeñando labores de produción, redacción e edición.

A través de proxectos persoais exploro a fotografía e o deseño, dous campos que me apaixoan.

bottom of page